Logotipo del Gobierno de España. Ministerio de Hacienda. Logotipo de la Intervención General de la Administración del Estado.
Administración Presupuestaria

Formato admitido de factura electrónica no RCF

Rexistro contable de facturas. Formato admitido de factura electrónica no RCF

O artigo 5 da Lei 25/2013, do 27 de decembro, de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable de facturas no sector público, publicada no BOE o 28 de decembro de 2013, establece o formato das facturas electrónicas e a súa sinatura electrónica nos seguintes termos:

As facturas electrónicas que foren remitidas ás administracións públicas deberán ter un formato estruturado e estaren asinadas con sinatura electrónica avanzada baseada nun certificado recoñecido, de acordo co disposto no artigo 10.1.a) do Real decreto 1619/2012, de 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Por Orde da Vicepresidenta do Goberno e Ministra da Presidencia, a proposta conxunta do Ministro de Facenda e Función Pública e do Ministro de Industria, Enerxía e Turismo, determinarase o formato estruturado da factura electrónica, ouvido o Comité Sectorial de Administración Electrónica. Tamén se admitirá o selo electrónico avanzado baseado nun certificado recoñecido que reúna os seguintes requisitos:

  1. O certificado deberá identificar a persoa xurídica ou entidade sen personalidade xurídica que sele a factura electrónica, a través da súa denominación ou razón social e o seu número de identificación fiscal.
  2. A solicitude do selo electrónico avanzado poderá formularse quer mediante comparecencia presencial dunha persoa física que acredite a súa representación, quer por medios electrónicos mediante o DNI electrónico e a remisión dos documentos que acrediten o seu poder de representación en formato papel ou electrónico.

A disposición segunda da Lei 25/2013, do 27 de decembro, de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable de facturas no sector público, publicada no BOE o 28 de decembro de 2013 establece que en tanto non se aprobe a Orde ministerial da vicepresidenta do Goberno e ministra da Presidencia referida anteriormente, as facturas electrónicas que se remitan ás administracións públicas axustaranse ao formato estruturado da factura electrónica Facturae, versión 3.2, e de sinatura electrónica conforme á especificación XMLAdvanced Electronic Signatures (XAdES).

Doutra banda a disposición transitoria segunda da mesma Lei regula que en tanto non se desenvolva o contido do selo electrónico avanzado baseado nun certificado electrónico recoñecido, as facturas electrónicas que se presenten ante as Administracións Públicas poderán garantir a súa autenticidade e integridade mediante un certificado que resulte válido na plataforma de validación de certificados electrónicos @firma do Ministerio de Facenda e Función Pública.